A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo con NIF: G27021005 e domicilio social na rúa Ramón Montenegro nº 15 Entlo. de Lugo, como organizadora do XX Concurso de Tapas de Lugo, realizará un sorteo de agasallos entre os clientes que consuman e voten as tapas durante o desenvolvemento do concurso.
O sorteo rexerase polas seguintes BASES:
Primeira: Ámbito territorial.- A promoción desenvólvese no Concello de Lugo.
Segunda: Período da promoción.- No transcurso do desenvolvemento do Concurso de Tapas de Lugo do 7 ao 23 de novembro.
Terceira: Ámbito persoal.- Terán dereito a participar no sorteo todas aquelas persoas, maiores de idade, que consuman as tapas e as valoren a través do correspondente cupón de votación.
Cuarta: Forma de participación.-
Para participar no sorteo de premios do grupo A: No momento de consumir a tapa, o establecemento fará entrega ao cliente do correspondente cupón de votación selado. O cupón será cuberto polo cliente na súa totalidade con nome, apelidos, localidade, teléfono de contacto, valoración da tapa e depositarao na urna correspondente para entrar no sorteo de premios do grupo A.
Para participar no sorteo do premio do grupo B: Os clientes que o desexen, ao consumir a tapa, poderán solicitar ao establecemento o selado do folleto-pasaporte no que figuran todos os establecementos participantes. Os clientes que teñan seladas como mínimo 12 tapas entrarán no sorteo do premio do grupo B.
Para participar no sorteo do premio do grupo C: Os clientes que o desexen, ao consumir a tapa, poderán solicitar ao establecemento o selado do folleto-pasaporte no que figuran todos os establecementos participantes. Os clientes que teñan seladas como mínimo 25 tapas entrarán no sorteo do premio do grupo C.
Quinta: Premios.-
Adxúntase a relación de premios no Anexo I.
Os premios caducarán aos seis meses desde o día en que se efectúe o sorteo.
Sexta: Sorteo.-
O sorteo celebrarase ante notario o día 1 de decembro de 2025 na sede da APEHL sita na rúa Ramón Montenegro, 15 Entlo. de Lugo.
Sorteo de premios do grupo A: Todos os cupóns de votación debidamente cubertos depositaranse nunha urna. Da mesma iranse extraendo ao azar tantos cupóns como premios do grupo A. En primeiro lugar, lerase o contido do premio e acto seguido adxudicaráselle o nome da persoa premiada escollida ao azar.
Sorteo de premios do grupo B: Todos os folletos-pasaporte debidamente selados como mínimo por 12 establecementos depositaranse nunha urna. Da mesma extraerase un folleto-pasaporte ao azar, que será o premiado. En primeiro lugar, lerase o contido do premio e acto seguido adxudicaráselle o nome da persoa premiada escollida ao azar.
Sorteo de premios do grupo C: Todos os folletos-pasaporte debidamente selados como mínimo por 25 establecementos depositaranse nunha urna. Da mesma extraerase un folleto-pasaporte ao azar, que será o premiado. En primeiro lugar, lerase o contido do premio e acto seguido adxudicaráselle o nome da persoa premiada escollida ao azar.
Sétima: Comunicación aos gañadores.-
A listaxe de gañadores publicarase na web do Concurso de Tapas de Lugo (www.xantardetapas.com). Ao día seguinte do sorteo, chamarase telefonicamente a cada un dos premiados e daráselles o prazo dun mes para recoller os premios nas oficinas da APEHL, rúa Ramón Montenegro nº 15 Entlo. de Lugo.
Oitava: Aceptación das bases.-
Os clientes consumidores das tapas, polo mero feito de participar na presente promoción, aceptan as bases establecidas pola APEHL.
Novena: Datos dos participantes.-
Os datos que figuran nos cupóns de votación empregaranse para contactar cos premiados e publicarase o nome da persoa premiada. Unha vez efectuado o sorteo, os cupóns destruiranse de maneira adecuada e segura, tal e como establece a lexislación vixente.
Décima: Limitacións.-
Os premios entregados non son transferibles nin susceptibles de cambios, alteracións ou compensación a petición dos participantes, e non poderán trocarse por ningún outro produto nin por diñeiro.
A APEHL resérvase o dereito, se concorre causa xusta e previa comunicación en forma legal, de efectuar calquera cambio, suspender ou ampliar o sorteo.
Será por conta e cargo do gañador calquera carga fiscal ou tributaria que a aceptación do premio puidese supoñerlle, así como calquera outro gasto derivado da promoción que non estea expresamente asumido pola APEHL nestas bases. Establécese un prazo de 7 días hábiles desde a data de concesión do premio para efectuar calquera reclamación motivada.
A APEHL resérvase, en caso de necesidade, o dereito de substituír os premios por outros de características semellantes.
Undécima: Exoneración de responsabilidade.-
A título enunciativo, pero non limitativo, a APEHL non se responsabiliza das posibles perdas, roubos, atrasos ou calquera outra circunstancia imputable a terceiros que poidan afectar ao desenvolvemento do presente sorteo, así como tampouco se responsabiliza do uso que faga o participante respecto ao premio que obteña deste sorteo; tampouco asume ningunha responsabilidade por ningún dano ou prexuízo de calquera tipo que poidan sufrir os participantes, o gañador ou terceiros.
A APEHL non asume responsabilidade en casos de forza maior ou caso fortuíto que poidan impedir a realización do sorteo ou o goce total ou parcial do premio. No caso de que este sorteo non puidese realizarse, xa sexa por fraudes detectados, erros técnicos ou calquera outro motivo alleo ao control da APEHL e que afecte ao normal desenvolvemento do sorteo, esta asociación resérvase o dereito de cancelalo, modificalo ou suspendelo.
Duodécima: Cambios.-
A APEHL resérvase o dereito de modificar ou ampliar estas bases promocionais, na medida en que non prexudique nin menoscabe os dereitos dos participantes no sorteo.
Décimo terceira: Lexislación aplicable e xurisdición.-
Estas bases legais rexeranse de conformidade coa lei española. Serán competentes para resolver calquera reclamación ou controversia que puidese xurdir en relación coa validez, interpretación ou cumprimento destas bases os xulgados e tribunais da cidade de Lugo.
|
ANEXO I |
|
Grupo A: |
|
CEA PARA DÚAS PERSOAS EN DOTMAS |
|
CEA PARA DÚAS PERSOAS EN LA TERRAZA DEL MÉNDEZ |
|
CEA PARA DÚAS PERSOAS EN TONI PORTELA |
|
CEA PARA DÚAS PERSOAS EN TOSAR BY BONI |
|
CEA PARA DÚAS PERSOAS EN GLAM TAOO |
|
ESTANCIA PAZO DE ORBÁN |
|
ESTANCIA EN GLAM TAOO HOTEL |
|
ESTANCIA DE DÚAS NOITES PARA DÚAS PERSOAS EN CABAÑAS DE CANIDE |
|
ESTANCIA DUNHA NOCHE PARA DÚAS PERSOAS EN CABAÑAS DO ULLA |
|
ESTANCIA DE DÚAS NOITES EN LAR SAN ADRIÁN PARA DÚAS PERSOAS |
|
ESTANCIA DUNHA NOITE EN ALDEA DE OS MUIÑOS |
|
3 EXPERIENCIAS ENOTURISTICAS EN RIBEIRA SACRA |
|
Grupo B |
| ESCAPADA GASTRO-RELAX PARA DÚAS PERSOAS EN HOTEL BODEGA TORRE MILANOS. ARANDA DE DUERO |
|
Grupo C |
|
VIAXE A LONDRES 6 NOITES PARA DÚAS PERSOAS |
|
Grupo D (Instagram) |
| ESTANCIA DUNHA NOITE EN ALBARARI BURBUJAS ASTRONÓMICAS EN OLEIROS PARA DÚAS PERSOAS |